Que é GNU/Linux?¶
Cando escoitas a palabra Linux, pode que penses en programadores con barba escribindo código pouco claro nunha pantalla negra. Boas novas! As cousas cambiaron.
A resposta rápida¶
GNU/Linux é un sistema operativo, unha gran peza de software que xestiona un ordenador. É semellante a Microsoft Windows ou macOS, pero é totalmente libre. O nome exacto é GNU/Linux, pero “Linux” úsase con máis frecuencia.
GNU/Linux non é o produto dunha soa empresa, senón que varias empresas e grupos de persoas contribúen a el. De feito, o sistema GNU/Linux é un compoñente central, que se ramifica en moitos produtos diferentes. Chámanse distribucións.
As distribucións cambian completamente a aparencia e a función de GNU/Linux. Abarcan desde sistemas completos grandes e totalmente compatíbeis (avalados por empresas) ata outros lixeiros que caben nunha memoria USB ou funcionan en ordenadores antigos (a miúdo desenvolvidos por voluntarios).
Usando GNU/Linux¶
GNU/Linux non é máis difícil de usar que Windows ou macOS e ten moitas máis capacidades. Só leva unha ducia de minutos familiarizarse cunha distribución como as que recomendamos para os principiantes, que veñen con moitos programas instalados.
Se precisas software de calidade comercial para traballar con documentos empresariais, Internet/redes ou contidos multimedia e gráficos, está aí de inmediato. Queres algo máis? GNU/Linux pode facelo: hai centos de aplicacións gratuítas e de alta calidade que podes atopar, instalar e desinstalar de forma sinxela e ordenada.
Non obstante, non debes asumir que GNU/Linux é un clon de Windows. Para saber que esperar ao comezar, suxerímosche que leas a nosa páxina Facendo o cambio.
A resposta longa¶
Cando obtés unha distribución de GNU/Linux, tamén tes a liberdade de estudala, copiala, modificala e redistribuíla; iso é o que a converte en verdadeiro software libre.
Moitas empresas desenvolven o seu propio sistema operativo baseado no núcleo software GNU: produtos sobre os que non teñen dereitos exclusivos. Como xira a roda?
- A maioría das empresas obteñen beneficios vendendo soporte e servizos arredor da súa distribución GNU/Linux. Os clientes corporativos compran actualizacións de seguridade e asistencia garantidas. Outros servizos adoitan incluír formación e melloras de software baixo demanda.
- Algunhas empresas, como HP ou IBM, contribúen a GNU/Linux porque o preinstalan nos servidores que venden.
- Unha comunidade extremadamente ampla participa no desenvolvemento e na mellora do software, reducindo custos e mellorando a eficiencia.
Ao final, os usuarios finais individuais adoitan obter o software a custo cero, mentres que os clientes corporativos adoitan estar dispostos a pagar por máis soporte.
Lecturas adicionais¶
-
P+F de GNU/Linux
Estas P+F abordan as preguntas máis comúns sobre GNU/Linux. Agardamos que esta lista de P+F che poida axudar se tes máis curiosidade.
-
Como malinterpretar o Software Libre
Ideas erróneas comúns sobre o software libre, corrixidas.
-
GNU/Linux non é Windows
Se queres que GNU/Linux sexa exactamente coma Windows, probablemente decepcionaraste. GNU/Linux foi construído por xente que simplemente desexa que sexa diferente.
-
Preguntas frecuentes sobre virus de GNU/Linux
Debería instalar software antivirus en Linux?


